LOIROS

LOIROS (Rock intimista, grunge, post rock)

A banda nace no verán de 2016 en Vigo, Galiza, onde Héctor Agulla (batería) e Virxilio da Silva (guitarra e voz) comezan a traballar xuntos na idea dun novo proxecto. Nas súas primeiras composicións conciliaban rock alternativo e jazz a través dun prisma acústico, co uso das voces sen letra como un instrumento máis. Coa entrada dos membros que completan a formación, o alemán Felix Barth (baixo e voz) e o francés Wilfried Wilde (guitarra), o son endurécese, aparecen as primeiras letras e as composicións adquiren máis forma de canción, configurando a idea do que na actualidade é Loiros.


As aportacións do imaxinario musical dos catro compoñentes, dan como resultado unha interesante mestura estilística na que están presentes tanto influencias do Shoegaze, o Grunge, o Post Rock e a Psicodelia, como do Jazz Moderno, o Impresionismo Francés ou a rítmica africana. O seu directo, de certo carácter intimista, é intenso e crú, con cancións longas, desenrolos inesperados e momentos para a improvisación que fan de cada concerto unha experiencia diferente.

ARP. + loiros

Froito da súa primeira xira, en marzo de 2018 sae á luz o seu primeiro traballo Arp., un EP completamente autoproducido e autoeditado cunha edición limitada feita a man de 150 exemplares. En decembro dese mesmo ano, reciben o premio da Deputación de Pontevedra ao Mellor Traballo Musical coa canción «Rebirthmark«. En outubro de 2019 pasan a formar parte do Colectivo Metamovida e editan o seu primeiro LP., loiros, gravado e mesturado por Hevi (Malandrómeda) no Laboratorio Soyuz, colleitando moi boas críticas por parte dos medios especializados e do público.

BACK FROM THE EDGE

En outubro de 2023, despois dun longo proceso de composición, gravación e deseño que se dilatou durante tres anos, Loiros rematan a edición do segundo LP, titulado Back from the Edge.

Nel inclúense seis novas cancións orixinais do grupo, coidadosamente compostas, executadas e gravadas, na que atopamos unha  inusual mestura de xéneros que cristaliza nun son e  nunha estética moi definidos e persoais. Baixo un certo enfoque jazzístico, a banda aglutina influencias do rock progresivo, o shoegaze, o grunge e o post rock, creando unha paisaxe sonora única na que o ouvinte pasa por diferentes estados emocionais. Sorprende o seu son cru, en contraste cos coidadísimos arranxos, a fina execución e o mimo no tratamento das melodías vocais, cuxas harmonías fan de fío conductor ó longo de todo o disco.

Unha vez máis, o grupo conta coas experimentais e sempre tolas técnicas de deseño sonoro do Hevi,  aos mando do seu Laboratorio Soyuz, gravando e mesturando o disco en Trazo (Galiza) e coa exquisita masterización Cem Oral de Jammin´ Masters en Berlin.

O deseño da portada é froito da colaboración de Héctor Agulla, batería da banda, co artista multidisciplinar Rafa Cáccamo. En tempos de urxencia e superficialidade, nos que a imaxe relega ó contido a un segundo plano, Loiros reivindica a importancia da música por riba de calquera artificio estético, cun envoltorio branco baleiro que agocha a portada no seu interior, a modo de tesouro, e que soamente se poderá ver na edición física do disco.

BANDCAMP

YouTube

Instagram

Facebook