A Orquestra Metamovida é unha agrupación camaleónica formada por músicas do colectivo Metamovida. Está fundamentada na improvisación conducida, na liña do “Soundpainting” de Walter Thompson e da experimentación de Frank Zappa e John Zorn, e emparentada con formacións ibéricas como a OMEGa ou a Orquesta del Caballo Ganador. Ten como base a música espontánea construida e canalizada a través dun sistema de sinais e consignas previamente establecidas que decreta o director durante a interpretación. Este sistema regula dinámica, rexistro, timbre, ritmo, volumen, estructura… incluso a interacción entre músicas e seccións. Todo, con certa marxe para interpretación, polo que a executante ou executantes seleccionadas polo director teñen poder de decisión para elaborar colectivamente o resultado da peza.
O produto sonoro da orquestra é sempre variable e manifesta influencias de infinidade de correntes clásicas, jazz, rock, noise… ademáis dun componente visual espectacular, colorista, teatral, dunha potencia bestial en ocasións e dunha naturaleza fráxil e delicada noutras.